Ir o contido principal
01

Verduras e hortalizas da Á a Z:

Millo

Millo :: Millo transxénico

Millo transxénico

Os híbridos do millo comezaron a desenvolverse ao comezo do século XX cando se iniciou deliberadamente a fertilización dunha variedade con pole procedente doutra diferente, para reforzala ou complementala. O resultado foi un gran éxito e conseguíronse rendementos catro veces por encima da media.

Os recentes avances en xenética e bioloxía molecular deron como resultado a obtención de híbridos de millo transxénicos que conteñen información xenética a partir de bacterias, animais ou outras plantas. Por exemplo, a introdución xenética da bacteria Bacillus thuringiensis fai que a planta produza unha toxina que mata pragas que ameazan a colleita. Esta toxina tamén mata insectos útiles. O uso de marcadores de antibióticos, como a ampilicina nos híbridos, non se continuou porque se chegou a demostrar que existía un risco claro de producir resistencias aos antibióticos.

En España o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) incluíu recentemente nove variedades novas de millo modificado xeneticamente BT no Rexistro de Variedades Comerciais. No que vai de ano 2007 sementáronse máis de 60.000 hectáreas de millo BT, o que supón entre un 18% e un 20% da superficie nacional de millo.

A introdución de cultivos xeneticamente manipulados non é unha práctica unanimemente ben acollida, xa que ademais de que non están claras as consecuencias na saúde dos consumidores, estas plantas son estériles cos conseguintes beneficios para os subministradores de sementes e a perda de variabilidade natural. Con todo, o seu menor prezo e a súa eficacia faios moi interesantes para o mercado.