Verduras e hortalizas da Á a Z:
Faba

Calendario de tempada
Historia e orixe
Vicia faba L. é o nome científico da faba, unha planta trepadora herbácea cultivada en todo o mundo. Debe o seu nome á familia Fabáceas, a súa especie tipo. Os froitos contan cunha vaina alargada de lonxitude variable e consistencia carnosa, dentro da que se concentran de 2 a 9 sementes colocadas en ringleira. As fabas son reniformes (con forma parecida ao ril), de cor verde claro, amarelado ou grisáceo.
Coñécese pouco sobre a súa verdadeira orixe, xa que non se atopou o seu antecesor silvestre. Cultívase desde o Neolítico tardío no actual Oriente Próximo -Exipto, Líbano, Israel, Turquía, Xordania, Siria, Iraq e Arabia- e desde alí dispersouse seguindo distintas rutas. A ruta europea desenvolveuse a través de Anatolio -actualmente a parte asiática de Turquía- e Grecia e chegou até Italia e Europa central posiblemente polo Danubio. Noutra ruta, cara ao oeste, pasou pola costa africana da conca mediterránea até o Magreb e a península ibérica. Outra das rutas ía desde o baixo Exipto e Mesopotamia –actual Oriente Próximo- cara a Abisinia (hoxe Etiopía). A chegada ás costas orientais da Península Ibérica data do quinto milenio a.C
Parece ser que foron os romanos os que seleccionaron o tipo de faba de gran grande e aplanado que actualmente se emprega para consumo en verde.
Na actualidade, o principal país produtor, tanto de faba verde como seca (gran) é China que conta con 120.000 hectáreas e produce 1.700.000 toneladas.
En España o cultivo deste legume evolucionou á baixa nos últimos anos, pasando a superficie cultivada de fabas secas de 125.800 hectáreas en 1945 a 37.000 en 2002. Respecto á faba verde, no ano 1945 dedicábanse 16.200 hectáreas ao seu cultivo, mentres que no ano 2000 tan só ocupaba 7.400. Andalucía é a principal comunidade produtora de fabas secas e verdes e a produción destínase principalmente ao consumo en fresco, e en menor proporción á transformación na industria agroalimentaria.
