Verduras e hortalizas da Á a Z:
Guisante

Calendario de tempada
Historia e orixe
Os guisantes pertencen á familia Leguminosae, subfamilia das Papilionoideas. O seu nome científico é Pisum sativum L. Os guisantes son as sementes maduras da planta homónima encerradas dentro dunha vaina de 5 a 10 centímetros de longo que adoita albergar de 4 a 10 grans de forma e cor variable. A excepción do tirabeque, as “valvas” da vaina teñen un pergamiño que as fai incomestibles.
Os guisantes e as fabas son as únicas leguminosas que se poden consumir crúas cando se colleitan as súas sementes frescas.
O cultivo do guisante aparece entre as primeiras plantas domesticadas no Próximo Oriente (7000-6000 a.C.) xunto con trigos, cebadas e lentellas. A especie cultivada e a silvestre conviviron xuntas durante un gran período de tempo, polo que xurdiron híbridos entre ambas. Vavilov (1887-1943), botánico e genetista ruso, distinguiu catro centros de orixe: o do Próximo Oriente, o Abisínico (Etiopía), o Mediterráneo (Turquía, Grecia e Líbano), e o de Asia Central (noroeste da India, Paquistán, Afganistán e Rusia). Até o século XVI non se utilizou o guisante como planta hortícola. Deuse este uso primeiro en Inglaterra e logo en Francia, onde se impuxo no reinado de Luís XVI, amante indiscutible deste legume.
De feito, Francia é o país europeo que máis superficie dedica ao cultivo de guisantes (417.000 hectáreas -ha- e 1.680.000 toneladas de produción). No mesmo ano, 2001, segundo datos do M.A.P.A., España dedicou ao cultivo 56.000 ha, e a produción alcanzou as 53.400 toneladas, destinadas principalmente para alimentación humana, tanto en consumo directo en fresco como para a industria de conxelados ou enlatados.
Polo seu alto contido en almidón, os guisantes utilízanse para a fabricación de produtos dietéticos e aditivos. As súas follas e os seus partes verdes consómense como verdura en zonas de Asia e África.
