Ir o contido principal
02

Os legumes / Nenos e legumes: como lograr que as coman

Nenos e legumes: como lograr que as coman :: Introdución

Introdución

No ano 2000 publicáronse os resultados da última enquisa nacional sobre hábitos alimentarios na infancia e a adolescencia (Estudo Enkid, 1998-2000), na que participaron máis de 3.500 persoas de entre 2 e 24 anos de idade. No estudo púxose de manifesto que os actuais cambios no estilo de vida reflíctense nos hábitos alimentarios deste grupo de poboación. Estes hábitos caracterízanse pola inxesta insuficiente de verduras e hortalizas, froitas e legumes. Son estes alimentos, xunto co peixe, os que suscitan maior rexeitamento entre nenos e mozos.

O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) realizou unha enquisa no ano 2003 sobre o consumo de legumes secos no fogar. As cifras son reveladoras e pon de manifesto que os fogares españois con nenos menores de seis anos son os que menos legumes compran (2,39 quilos per cápita), séguenlle en ascenso os fogares con nenos de entre 6-15 anos (2,98) e os fogares onde non hai nenos, os que máis leguminosas compraron (4,44 quilos per cápita).

En consecuencia, resulta evidente que é necesario fomentar o coñecemento e o consumo dos legumes desde idades temperás, xa que é o momento no que se instauran os hábitos alimentarios máis sólidos, responsables do estado nutritivo e a saúde durante toda a idade adulta e a vellez.